O SED outorga estes galardóns co propósito de valorar o esforzo, a entrega e as achegas no ámbito da investigación para preservar e difundir o noso patrimonio cultural
O SEMINARIO DE ESTUDOS DE DEZA ABRE O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS AOS PREMIOS SED 2024
- Calquera persoa pode propoñer candidatos de xeito totalmente anónimo no formulario habilitado na web do Seminario de Estudos de Deza http://sed.lalin.gal/, durante os próximos días, ata o 15 de xaneiro, inclusive
Mércores, 8 de xaneiro de 2025
O Seminario de Estudos de Deza (SED) abre o prazo de presentación de candidaturas aos “Premios do Patrimonio Cultural” que vén convocando anualmente desde 2022 e que teñen como fin recoñecer e valorar as traxectorias meritorias vinculadas á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación na Comarca de Deza. Con esta aposta continuada no tempo por estes galardóns o SED trata de recoñecer o esforzo, a dedicación e a positiva contribución no campo do traballo e a investigación por conservar o noso patrimonio cultural.
A concelleira de Cultura, Paz Pérez, indica que “na xuntanza do grupo de coordinación do SED decidiuse manter as mesmas catro categorías que en edicións anteriores, e continuar igualmente co sistema para poder propoñer a persoas candidatas aos premios”. “Deste xeito, calquera persoa pode propoñer candidatos cubrindo un formulario anónimo na páxina web do Seminario de Estudos de Deza http://sed.lalin.gal/, na lapela PREMIOS SED 2024, ata o mércores día 15 de xaneiro, inclusive”. “Unha vez finalizado o prazo, reunirase o grupo de Coordinación do SED para deliberar entre as propostas”, explica.
O formulario está dividido en categorías, e ademais de indicar o nome da persoa, entidade ou colectivo que se propón como merecedora do galardón, é preciso indicar o motivo polo que se considera para ser premiada. Como novidade deste ano, na categoría de “Premio á Investigación”, pódese conceder á persoas investigadoras da Comarca de Deza, aínda cando o obxecto de investigación non sexa estritamente vinculado a este territorio.
En resumo, as categorías para os Premios SED son as seguintes: “Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza”; “Premio á investigación do patrimonio cultural de Deza”; “Premio de honra do Seminario de Estudos de Deza” (que pode quedar deserto se así o considera o Seminario), e “Premio Descubrindo” (a colaboradores destacados do anuario, outórgase por orde do número de artigos publicados).
En cada una das categorías outórgase un único premio que consistirá nunha reprodución da “Pía de Donramiro”. Nas pasadas edicións de 2022 e 2023, recoñeceuse o labor de entidades como a Comunidade de Montes de Bermés ou a Casa do Patrón, a investigadores como Gonzalo Navaza, César Gómez Buxán ou Xoán Carlos Carlos Porral ou de Armando Vázquez e Román Rodríguez recoñecidos na categoría de Honra.
Paz Pérez avanza que estes “Premios do Patrimonio Cultural” entregaranse, como nos últimos anos, no marco dun acto organizado polo SED nas vindeiras semanas, no que tamén se presentará o Anuario Descubrindo nº 17.
O formulario pechouse. Gracias polas vosas achegas.