PREMIOS SED 2023
Premios SED 2023
O xurado outorga os Premios do Patrimonio Cultural 2023 tras deliberar sobre os candidatos presentados de xeito anónimo no formulario dispoñible na páxina web do SED, quedando os premiados do seguinte xeito:
– Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza: museo etnográfico Casa do Patrón
– Premio á investigación do patrimonio cultural de Deza: o profesor e investigador D. Xoán Carlos García Porral
– Premio de honra do Seminario de Estudos de Deza: o conselleiro de D. Cultura Román Rodríguez González
– Premio Descubrindo a D. Antonio Presas García
Uns galardóns para distinguir o labor de entidades, colectivos ou persoas que presenten unha traxectoria de mérito na protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural dezán, tanto material como inmaterial. Entregaranse o venres 12 de xaneiro no Pazo de Liñares, no acto no que tamén se presentará unha nova edición do Descubrindo, anuario de Estudos e Investigación de Deza. Estades todos e todas convidados a asistir ao acto.
A Casa do Patrón recibe o premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza. Un recoñecemento de promoción de 28 anos desde a pequena aldea de Codeseda, na parroquia de Doade. O seu museo etnográfico e o resto de complexos ou actividades que orbitan á súa ao redor converteuse nun dos principais centros que fomenta a recuperación, mantemento e difusión da etnografía, a arqueoloxía, a natureza e o turismo no interior de Galicia.
O galardón de investigación recaeu en Xoán Carlos García Porral polo seu labor en torno ao estudo e difusión da cultural de Deza. Atesoura máis dunha ducia de libros desde o 2002, ademais de participar en proxectos como o de recollida de toponimia galega, entre outros. García Porral ten ademais unha participación activa e continua como membro do SED, con numerosas publicacións no anuario Descubrindo desde os seus comezos.
O Premio de Honra do Seminario de Estudos de Deza recaeu no conselleiro lalinense, sendo Román Rodríguez uno dos fundadores nos seus comezos. Tamén o xurado recoñeceu o seu labor para impulsar e coordinar o SED na súa etapa inicial, apoiando despois desde o seu cargo na Xunta.
Por último, o Premio Descubrindo recaeu en Antonio Presas García, un dos fundadores e membro do consello de redacción deste anuario, con 15 artigos publicados.
CONVOCATORIA DOS PREMIOS
Co ánimo de recoñecer o esforzo, a dedicación e a positiva contribución no campo do traballo e a investigación por conservar o noso patrimonio cultural, dende o Seminario de Estudos de Deza, damos continuade a estes premios iniciados o ano pasado, destinados a valorar a traxectoria vinculada á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación na Comarca de Deza, en particular.
As modalidades para o ano 2023 son:
• Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza.
• Premio á investigación do patrimonio cultural de Deza.
• Premio de honra do Seminario de Estudos de Deza (darase cando o
Seminario o considere oportuno).
• Premio Descubrindo (a colaboradores destacados do anuario).
O formulario pechouse o 31 de decembro de 2023. Grazas polas vosas aportacións.