PREMIOS SED 2024

O SED outorga estes galardóns co propósito de valorar o esforzo, a entrega e as achegas no ámbito da investigación para preservar e difundir o noso patrimonio cultural

O SEMINARIO DE ESTUDOS DE DEZA ABRE O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS AOS PREMIOS SED 2024

  • Calquera persoa pode propoñer candidatos de xeito totalmente anónimo no formulario habilitado na web do Seminario de Estudos de Deza http://sed.lalin.gal/, durante os próximos días, ata o 15 de xaneiro, inclusive

Mércores, 8 de xaneiro de 2025

O Seminario de Estudos de Deza (SED) abre o prazo de presentación de candidaturas aos “Premios do Patrimonio Cultural” que vén convocando anualmente desde 2022 e que teñen como fin recoñecer e valorar as traxectorias meritorias vinculadas á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación na Comarca de Deza. Con esta aposta continuada no tempo por estes galardóns o SED trata de recoñecer o esforzo, a dedicación e a positiva contribución no campo do traballo e a investigación por conservar o noso patrimonio cultural.

A concelleira de Cultura, Paz Pérez, indica que “na xuntanza do grupo de coordinación do SED decidiuse manter as mesmas catro categorías que en edicións anteriores, e continuar igualmente co sistema para poder propoñer a persoas candidatas aos premios”. “Deste xeito, calquera persoa pode propoñer candidatos cubrindo un formulario anónimo na páxina web do Seminario de Estudos de Deza http://sed.lalin.gal/, na lapela PREMIOS SED 2024, ata o mércores día 15 de xaneiro, inclusive”. “Unha vez finalizado o prazo, reunirase o grupo de Coordinación do SED para deliberar entre as propostas”, explica.

O formulario está dividido en categorías, e ademais de indicar o nome da persoa, entidade ou colectivo que se propón como merecedora do galardón, é preciso indicar o motivo polo que se considera para ser premiada. Como novidade deste ano, na categoría de “Premio á Investigación”, pódese conceder á persoas investigadoras da Comarca de Deza, aínda cando o obxecto de investigación non sexa estritamente vinculado a este territorio.

En resumo, as categorías para os Premios SED son as seguintes: “Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza”; “Premio á investigación do patrimonio cultural de Deza”; “Premio de honra do Seminario de Estudos de Deza” (que pode quedar deserto se así o considera o Seminario), e “Premio Descubrindo” (a colaboradores destacados do anuario, outórgase por orde do número de artigos publicados).

En cada una das categorías outórgase un único premio que consistirá nunha  reprodución da “Pía de Donramiro”. Nas pasadas edicións de 2022 e 2023, recoñeceuse o labor de entidades como a Comunidade de Montes de Bermés ou a Casa do Patrón, a investigadores como Gonzalo Navaza, César Gómez Buxán ou Xoán Carlos Carlos Porral ou de Armando Vázquez e Román Rodríguez recoñecidos na categoría de Honra.

Paz Pérez avanza que estes “Premios do Patrimonio Cultural” entregaranse, como nos últimos anos, no marco dun acto organizado polo SED nas vindeiras semanas, no que tamén se presentará o Anuario Descubrindo nº 17.

O formulario pechouse. Gracias polas vosas achegas.

ENTREGA DE PREMIOS

𝗘𝗻𝘁𝗿𝗲𝗴𝗮 𝗱𝗼𝘀 𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼𝘀 𝗗𝗲𝘀𝗰𝘂𝗯𝗿𝗶𝗻𝗱𝗼 𝟮𝟬𝟮𝟱: 𝗔 𝗖𝗮𝗿𝗯𝗮𝗹𝗹𝗲𝗶𝗿𝗮 𝗱𝗲 𝗖𝗲𝗿𝗰𝗶𝗼, 𝗔𝗻𝘁𝗼𝗻𝗶𝗼 𝗩𝗶𝗱𝗮𝗹 𝗡𝗲𝗶𝗿𝗮, 𝗝𝗼𝘀é 𝗥𝗮𝗺ó𝗻 𝗟ó𝗽𝗲𝘇 𝗙𝗱𝗲𝘇 «𝗟𝗶𝘁𝗼» 𝗲 𝗙𝗿𝗮𝗻𝗰𝗶𝘀𝗰𝗼 𝗥𝘂𝗯𝗶𝗮 𝗳𝗼𝗿𝗼𝗻 𝗼𝘀 𝗴𝗮𝗹𝗮𝗿𝗱𝗼𝗮𝗱𝗼𝘀.

Nun acto promovido polo Seminario de Estudos de Deza, o día 8 de febreiro tivo lugar o evento no Pazo de Liñares, contando coa participación do alcalde, José Crespo; a concelleira de Cultura e tenente alcalde, Paz Pérez; o conselleiro de Educación, Ciencia FP e Universidades, Román Rodríguez González, que entregaron os premios xunto ao Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén.

Tras a entrega dos Premios do SED, tamén se presentou o número 17 do “Descubrindo”a cargo do membro do Consello de redacción do Seminario, Xosé Luna Sanmartín, publicación que recolle un total de trece novos traballos de investigación. Esta publicación veu á luz por vez primeira no 1999 e, volume tras volume, consolidouse como o referente máis importante das investigacións sobre a Comarca.

Premio a Posta en Valor, asociación de Baile e Música tradicional a Carballeira de Cercio, entregado por Paz Pérez, tenente alcalde de Lalín
Premio á Investigación, para Antonio Vidal Neira, entregado por Daniel González Aller, cronista oficial de Lalín
Premio Descubrindo para Lito (Ramón López Fernández), entregado por Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e último premiado de honra nos Premios Descubrindo, por ser membro fundador.
José Luna, en representación do SED como membro do mesmo, durante a súa intervención.